1 feb 2009

MEMBROS DA ASEMBLEA CONTRA O POLÍGONO FAN ENTREGA DE CARTA A CONSELLEIRA


Membros da Asemblea contra o Polígono de Chan das Pipas, asistiron onte 31 de xaneiro ao Centro Cultural de Porriño, onde a Conselleira de Vivenda, Dna. Teresa Táboas ía ofrecer un mitin de precampaña. Na entrada ó acto fixeronlle entrega dunha carta onde se solicitaba a Conselleira unha entrevista con unha delegación da citada Asemblea. A entrevista plantexase no mesmo Chan das Pipas, para ver sobre o terreo o lugar onde o seu departamento quere "colocar" un Polígono Industrial, pois xulgamos que mirado o lugar, ninguén pode pensar nunha actuación de esas características nun medio natural coma o existente no noso monte. Na mesma carta, se propón que no caso que á Conselleira non lle fose posible a asistencia a zona, solicitámoslle reciba a delegación da Asemblea no lugar e hora que estime oportuno.
A receptividade da Conselleira , en principio, foi boa, respostando que non habería problema algún en nos recibir, e que agardaba houbera unha solución que satisfacera a todas as partes.
A Asemblea vai facer entrega no rexistro da Consellería de Vivenda, de unha copia da carta , para solicitar de xeito "formal" a devandita entrevista ca Conselleira.

(A foto é da Asemblea celebrada en Vilar).

A frase de hoxe:

"Os políticos son sempre o mesmo. Prometen construir unha ponte aínda que non haxa río."

Nikita Jruschov (1894-1971) Político ruso.


21 ene 2009


A Asemblea Contra o Polígono Mos - Redondela informa aos veciños das parroquias Vilar e Louredo, afectados polo polígono:

Un grupo de membros da Asemblea Contra o Polígono desprazouse a ditas parroquias o sábado 17 pola tarde e o domingo 18 pola mañá para explicarlles aos seus veciños polo miúdo as consecuencias do proxecto de Polígono Industrial. O proxecto en cuestión nace como Plano Sectorial transformándoo nun proxecto de ámbito supra municipal o que serve de coartada para que os respectivos Concellos aleguen falta de competencia no asunto e non informen ao tempo que alonxa aos veciños dos órganos de decisión.

Nas asembleas informativas, presenciadas por medio centenar de veciños das respectivas parroquias ficou claro o descoñecemento que os mesmos teñen do proxecto e das súas consecuencias. No caso de Vilar, ignoraban a localización dun depósito de auga de 3.000 m3 no lugar da Fonte da Lata, ao pé da pista do aeroporto, que abastecerá ao polígono e cuxa condución terá que atravesar a parroquia. Neste sentido, as asembleas serviron para mostrar os efectos da hipotética construción do polígono industrial na zona prevista. Do mesmo xeito, coas numerosas vivendas que circundan a zona afectada fixo constatar o errado do argumento de situar este tipo de infraestrutura na zona e a necesidade de implantar as conseguintes actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas en lugares alonxados dos núcleos residenciais. As poboadas parroquias de Vilar, Louredo e Saxamonde contradín tal suposto, contido na base do proxecto debatido, e demostran o descoñecemento de Xestur da zona elixida..

Despois da experiencia de Vilar e Louredo, a Asemblea Contra o Polígono Mos-Redondela continúa a súa labor informativa na parroquia de Guizán, no veciño concello de Mos. Así, o vindeiro
día 25 ás 11:30h no Centro Recreativo de Guizán (Plantel) convocan outra asemblea informativa.
Do mesmo xeito, cada venres ás 20:30 seguimos a reunirnos na Casa Cultural do Chan das Pipas onde se debate e deciden as próximas accións.



A frase de hoxe:

A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar logo os remedios equivocados. (o gran Groucho Marx)

15 ene 2009

Volvemos con forza: A Asemblea Contra o Polígono Industrial Mos-Redondela informa aos veciños



Despois das últimas mobilizacións do pasado mes de decembro, a Asemblea Contra os Polígono Industrial Mos-Redondela continúa a súa campaña de información sobre os prexuízos do proxecto. Transcorridos case tres meses dende a presentación das case 600 alegacións ante Xestur, e máis de cinco dende a publicación do proxecto de parque industrial, ningunha administración se ten dirixido aos veciños das parroquias afectadas para informar sobre as consecuencias de dito proxecto. O polígono de 760.000 m2 que se pretende construír na intersección das parroquias de Vilar de Infesta, Saxamonde (Redondela) e Louredo (Mos) tería graves consecuencias en termos de contaminación acústica, atmosférica, lumínica, destrución da paisaxe, eliminación de mananciais comunais, incrementa o tráfico en máis de 2000 coches e case 550 camións diarios, afeccións ao Camiño Portugués e á Vía Romana que percorren por ditas parroquias e outras consecuencias sobre a poboación, xa que extrema con zonas residencias, medio ambiente e patrimonio cultural.

A Asemblea Contra o Polígono Industrial Mos-Redondela considera un desprezo cara os veciños e unha falta de valentía o silencio dos Concello de Mos e Redondela e de Xestur polo que toma a iniciativa e informa directamente aos veciños máis afectados. Así, organiza dúas asembleas informativas nas parroquias de Vilar de Infesta e Louredo. A primeira terá lugar o próximo sábado 17 ás 20:00 horas no Centro Cultural da parroquia de Vilar de Infesta. A segunda asemblea desenvolverase o domingo 18 ás 12 _da mañá no Centro Cultural da parroquia de Louredo no Concello de Mos.

Nas convocatorias, o colectivo dará conta das principais afeccións que se derivarían da execución do proxecto de polígono industrial. Tamén informará sobre as accións levadas a cabo pola Asemblea así como de futuras iniciativas.

27 dic 2008

VALORACIÓN 19-D

Esta é a nota de prensa coa valoración da Manifestación do pasado 19-D feita por todos os colectivos organizantes:

BALANCE E HORIZONTES DESPOIS DA MANIFESTACIÓN.

Os colectivos convocantes consideran un éxito a manifestación do pasado venres e queren aproveitar o pulo recibido para seguir defendendo as causas representadas.

Reunidos os colectivos convocantes da manifestación do pasado venres 19, e feita unha sucinta análise dos resultados, coincidimos todos en valorar o evento como un éxito, por tres motivos.

Un, pola participación. Con unhas 2500 persoas, as rúas de Redondela ateigáronse de xente disposta a enfrentarse ó frío para facer sentir o seu descontento ante os problemas presentados na convocatoria.

Dous, porque se aproveitou a oportunidade de facer didáctica social, e así a xente de Chapela (afectados coa ampliación da AP-9) tivo ocasión de coñecer os problemas que as obras do AVE están a provocar en Negros, ou a xente do Viso (afectados pola Autovía) intercambiaron pareceres cos veciños e veciñas de Amoedo, afectados polos verquidos do seu polígono industrial ou o proxecto da canteira. Así, en xeral, foi unha boa ocasión para fomentar a unidade da sociedade, principal baza na defensa contra as mediocridades políticas.

E tres, porque a pesares da tensión padecida por moitas persoas, que teñen os problemas na porta das súas casas e atopan o desprezo como resposta do Concello, a manifestación non so transcurriu de xeito pacífico, senón incluso distendido e animado.

Os convocantes queremos darlle gracias a todos os participantes pola resposta tan exemplar que lle deron ó noso chamamento.

A movilización cidadá do pasado venres transmitiu o anhelo popular de que, por enriba de quen goberne, debe prevalecer a defensa do noso territorio, da sostenibilidade e da calidade do lugar en que vivimos, e agardamos que teña acelerado a chegada do día en que os nosos representantes deixen de gobernar de costas á cidadanía e se empecen a ter en conta as opinións de todos os veciños e veciñas.

Quédanos, agora, seguir loitando para facer callar entre a xente a mensaxe de que progreso son servicios, sociedade e calidade de vida, fronte a imposición de grandes obras empeñadas en esnaquizar o noso territorio. Nesta loita, os movementos civís cobramos un alento importante na resposta dada pola cidadanía o pasado venres, que demostrou a importancia gañada pola organización e o activismo social como alternativa ós despropósitos políticos. Unha sociedade libremente organizada é o mellor antídoto contra os problemas que nos choven hoxe en día.


Ademais, nunha xuntanza mantida hoxe no Chan das Pipas por membros do colectivo antipolígono , valorouse moi positivamente, por parte de todos os asistentes, a participación dos veciños de Saxamonde, en concreto, na mobilización. Foi o colectivo mais numeroso , acudindo unha ampla maioría da veciñanza da Parroquia, o que nos dá folgos para seguir na loita pola defensa do noso territorio.


21 dic 2008

Manifestación 19 de Decembro 2008

4, 500, 2000,............. FOLLONEIROS?

Manifestación conxunta:

"Pola defensa do territorio e da nosa calidade de vida" .

Ampliar Nova:
Enlace Faro de Vigo:http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008122000_3_282874__COMARCAS-Colectivos-afectados-obras-publicas-colapsan-accesos-Redondela