BALANCE E HORIZONTES DESPOIS DA MANIFESTACIÓN.
Os colectivos convocantes consideran un éxito a manifestación do pasado venres e queren aproveitar o pulo recibido para seguir defendendo as causas representadas.
Reunidos os colectivos convocantes da manifestación do pasado venres 19, e feita unha sucinta análise dos resultados, coincidimos todos en valorar o evento como un éxito, por tres motivos.
Un, pola participación. Con unhas 2500 persoas, as rúas de Redondela ateigáronse de xente disposta a enfrentarse ó frío para facer sentir o seu descontento ante os problemas presentados na convocatoria.
Dous, porque se aproveitou a oportunidade de facer didáctica social, e así a xente de Chapela (afectados coa ampliación da AP-9) tivo ocasión de coñecer os problemas que as obras do AVE están a provocar en Negros, ou a xente do Viso (afectados pola Autovía) intercambiaron pareceres cos veciños e veciñas de Amoedo, afectados polos verquidos do seu polígono industrial ou o proxecto da canteira. Así, en xeral, foi unha boa ocasión para fomentar a unidade da sociedade, principal baza na defensa contra as mediocridades políticas.
E tres, porque a pesares da tensión padecida por moitas persoas, que teñen os problemas na porta das súas casas e atopan o desprezo como resposta do Concello, a manifestación non so transcurriu de xeito pacífico, senón incluso distendido e animado.
Os convocantes queremos darlle gracias a todos os participantes pola resposta tan exemplar que lle deron ó noso chamamento.
A movilización cidadá do pasado venres transmitiu o anhelo popular de que, por enriba de quen goberne, debe prevalecer a defensa do noso territorio, da sostenibilidade e da calidade do lugar en que vivimos, e agardamos que teña acelerado a chegada do día en que os nosos representantes deixen de gobernar de costas á cidadanía e se empecen a ter en conta as opinións de todos os veciños e veciñas.
Quédanos, agora, seguir loitando para facer callar entre a xente a mensaxe de que progreso son servicios, sociedade e calidade de vida, fronte a imposición de grandes obras empeñadas en esnaquizar o noso territorio. Nesta loita, os movementos civís cobramos un alento importante na resposta dada pola cidadanía o pasado venres, que demostrou a importancia gañada pola organización e o activismo social como alternativa ós despropósitos políticos. Unha sociedade libremente organizada é o mellor antídoto contra os problemas que nos choven hoxe en día.
Ademais, nunha xuntanza mantida hoxe no Chan das Pipas por membros do colectivo antipolígono , valorouse moi positivamente, por parte de todos os asistentes, a participación dos veciños de Saxamonde, en concreto, na mobilización. Foi o colectivo mais numeroso , acudindo unha ampla maioría da veciñanza da Parroquia, o que nos dá folgos para seguir na loita pola defensa do noso territorio.