31 mar 2009

NOTA DE PRENSA DIANTE DO DITAME EMITIDO POLA CONSELLERÍA DE CULTURA




A Asemblea contra o Polígono agarda que o próximo goberno respecte o ditame da Consellaría de Cultura

O colectivo felicítase pola postura da Consellaría de Cultura que vén a ratificar as súas argumentacións. Así mesmo, agradece o apoio de diversos colectivos na súa loita por conservar o monte.

A intensa labor de información levada a cabo pola Asemblea contra o Polígono Mos-Redondela en diversas reunións con responsables de diferentes Consellarías dá o seu primeiro froito. O colectivo felicítase de que haxa entes administrativos que recoñezan e denuncien o impacto ambiental, paisaxístico, social e patrimonial que a construción da zona industrial suporía no noso entorno. En especial quere felicitar á Consellaría de Cultura pola súa postura respecto do proxecto de construción dun Polígono Industrial na zona de Chan das Pipas-Arrufana. O ditame do Comité Asesor do Camiño de Santiago vén a ratificar e dar entidade xurídico-administrativa á argumentación da Asemblea contra o Polígono.

Desde un primeiro momento, este colectivo alertou sobre o impacto negativo que a zona industrial tería sobre o patrimonio cultural e histórico, nomeadamente o Camiño Portugués e a Vía Romana XIX. A Asemblea contra o Polígono aplaude a insistencia da Consellaría de Cultura a necesidade de protexer a paisaxe do Camiño Portugués como parte do seu patrimonio. A proposta de pantalla vexetais non é máis que un parche que non soluciona o impacto paisaxístico da infraestrutura. A construción do Polígono Industrial suporía a morte dunha vía histórica que, nestes momentos e segundo informacións da propia Consellaría de Cultura, está a ser inventariada e catalogada para equiparalo ao Camiño Francés. A zona industrial hipotecaría este polo de desenvolvemento patrimonial, cultural e, polo tanto, económico.

Destacan, do mesmo xeito, as mencións do ditame á recalificación de solo de protección paisaxística, de monte, ríos e leitos. Nas reunións mantidas cos responsables políticos redondeláns destacaban como un elemento positivo para a parroquia de Saxamonde a zona de equipamentos e as zonas verdes do proxecto de Polígono. Este ditame vén a ratificar as denuncias da Asemblea contra o Polígono: a zona industrial non aporta equipamentos xa que se aproveita dos xa existentes e as zonas verdes supoñen un freo para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico do Chan das Pipas.

Desde a Asemblea contra o Polígono queremos agradecer o apoio recibido de diversos colectivos, en concreto da Asociación Amigos del Camino e de Alén Nós. Ao longo destes meses as adhesións teñen sido múltiples. Non só a nivel particular participando nas diversas actividades iniciativa da Asemblea contra o Polígono, senón de colectivos como os anteriormente citados alén de máis de media ducia da propia parroquia de Saxamonde.

A Asemblea contra o Polígono agarda que o próximo goberno da Xunta de Galicia teña en conta este ditame. Polo de agora se descoñecen as intencións do novo executivo, pero o colectivo confía en que prevalezan os criterios científicos sobre os políticos e este ditame non sexa anulado pola nova equipa encabezada por Núñez Feijoo.


A frase de hoxe:
" O home que comete un erro e non o corrixe, comete un erro maior"
Confucio (551 AC-478 AC). Filósofo chinés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario